Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

eGo GaleGo

28/10/2009 GMT 1

No desterro

egogalego @ 23:07

¿Quen no seu corazón non leva un arpa
que saiba das cancións
escoitadas do berce entre os arrolos
e na reixa do Amor?

¿Quen non garda a memoria, triste ou leda,
dun alqo que xa foi?

¿Quen, orfo, sen fogar, abandonado
dos homes e de Dios,
non atopa consolo na lembranza
dun tempo que pasou?

¿Quen non lle fixo cova no seu peito
a unha morta ilusión?

Eu non sei, eu non sei que nos espera
este mundo ó deixar,
nin sei o que está diante, o que ha traernos
o escuro máis alá;
mais para ter, cen anos que morrendo
vivira neste chan,
febres no corpo, brétemas na alma
e loitos que chorar,
para ter as feridas sempre abertas,
¡chega de abondo o que ficou detrás!

Ramón Cabanillas

26/10/2009 GMT 2

Comedia bífida

egogalego @ 23:14

Hai algo máis triste ca unha persoa que se nega a ser o que é e pretende ser algo diferente? Imaxinan, por exemplo, a un negro que intentase ser branco? Patético, non? A traizón é mala, pero a traizón contra a propia identidade é penosa.

Un galego que desprece a súa lingua atenta contra si mesmo, contra a identidade do seu pobo, da súa cultura, do seu ser. Non debería nin sequera ser chamado galego. É así de triste, pero así é.

Manuel Núñez Singala

19/10/2009 GMT 2

Así nacen as baleas

egogalego @ 21:36

bl.JPG

Lembro só a mamá facendo aquela dolorosa depuración da memoria, rompendo o delicado encaixe no que se tecen os recordos.

Era como se borrase as liñas trazadas no mapa dun territorio demasiado perigoso como para esquecer o camiño de regreso á cordura. Con todo, e seino ben, as fotos que ela máis lembraría serían precisamente as que destruíra. E as palabras que máis a torturarían e que intentaría escorrentar cun involuntario aceno da man, como se escorrentase mosquitos, serían precisamente aquelas que pretendía que nunca foran nin ditas nin escritas. Non lembro o que fixen despois nin por que. Cadroume estar alí nese preciso momento para ver e gravar na mente aquela imaxe de mamá mentres se rompía a si mesma.

Ou mentres intentaba recompoñerse.

Anxos Sumai

08/10/2009 GMT 2

Corredores de sombra

egogalego @ 23:03

1219706384462_f.jpg

 

 

- O tempo pasa máis axiña do que pensas. E mentres, paciencia e astucia, querida sobriña. É o mellor que che podo aconsellar.

Aquel foi o día das apertas. Tras a intensa conversa, tamén apertei a meu tío e, a través del, a Miguel. As únicas dúas persoas nas que podía confiar por enteiro.
Fóra do meu cuarto agardábame un mundo hostil ao que non me quedaba máis remedio que volver. A vida seguía e eu non podía deixarme derrotar por ela. No futuro habería que armarse de paciencia e astucia, tal como meu tío me acababa de recomendar.

 

 

Agustín Fernández Paz

24/08/2009 GMT 2

Tempo de chorar

egogalego @ 16:14

Hei de chorar sin bágoas duro pranto
polas pombas de luz aferrolladas,
polo esprito vencido baixo a noite
da libertá prostituída.
As espadas penduran silandeiras
coma unha chuvia fría diante os ollos
e teño que chorar na sombra fuxidía
diste pútrido vento
que arromba a lealtá e pon cadeas
no corazón dos homes xenerosos.

Pois que somente os ollos me deixaron
para chorar por iles longos ríos,
hei navegar periplos, descubertas
por tempos que han de vir cheos de escumas,
por onde o día nasce,
alí onde xermola o mundo novo.
Pois que o que chora vive, iremos indo;
indo, chorando, andando,
salvaxe voz que ha de trocarse en ira,
en coitelo de berros i alboradas
para rubir ao cumio dos aldraxes.

E pois que cada tempo ten seu tempo,
iste é o tempo de chorar.

Celso Emilio Ferreiro

04/07/2009 GMT 2

Ooooooooh, microrrelatos...!

egogalego @ 02:54

A Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística convocou o Iº Concurso de Microrrelatos 'Terras do Umia' para os centros educativos de Cuntis, Moraña, Portas e Caldas de Reis.

Que sorpresa! Camiñar pola rúa e toparse con isto...

A estraña presencia de Gradín na imaxe non entraña ningunha mensaxe secreta, é simplemente para darlle ''glamour'' ao blogue... :)

microrrelatos.JPG

Eran uns 40, dos que seleccionei uns poucos...

microrrelatos-1.JPG

Representando a Portas

microrrelatos-2.JPG

Pedro sempre ten ideas xeniais...

microrrelatos-3.JPG

O pseudónimo será un presaxio? Cruzaremos os dedos...

microrrelatos-5.JPG

Non podía faltar un microrrelato d@s veciñ@s

microrrelatos-6.JPG

Mara, representando á clase

microrrelatos-4.JPG

Boa pregunta!

microrrelatos-7.JPG

Un dos meus favoritos...

microrrelatos-8.JPG

@s morañes@s tiveron unha notable presencia entre os microrrelatos finalistas

microrrelatos-9.JPG

Fermoso...

dscf1234.JPG

Xa non lle quedaban máis bágoas que chorar...

29/06/2009 GMT 2

Uxío Novoneyra será o homenaxeado das Letras Galegas

egogalego @ 12:07

novoneyra.JPG

Finalmente o escollido foi o poeta do Courel. Uxío Novoneyra converterase, no ano no que se cumpre o décimo aniversario do seu pasamento, no poeta homenaxeado no Día das Letras Galegas 2010. Impúxose así aos demais candidatos, nomeadamente ao que chegaba con máis forza á xuntanza deste sábado na que os académicos tomaban a decisión, Ricardo Carvalho Calero.

Novoneyra naceu en 1930 na localidade luguesa de Parada do Courel e morreu en Santiago en outubro de 1999. Relacionado durante a súa xuventude con intelectuais e artistas como Manuel María,Luis Pimentel, Anxel Fole ou Ramón Piñeiro, volveu a residir no Courel entre os anos 1953 e 1962, unha volta que deixou unha profunda pegada na súa obra.

Nestes últimos tempos, a súa candidatura colleitou moitos apoios. De entre os que pedían o Día das Letras para Novoneira, destaca un colectivo de persoas que dende hai case dous anos realizou unha grande actividade na rede e que recabou máis dun milleiro de sinaturas individuais e de colectivos. O pasado mes de abril Amigos de Uxío Novoneyra entregoulle ao presidente da Real Academia Galega as 1.041 sinaturas de apoio, entre as que están mensaxes de José Viale Moutinho, Juan Gelman ou Agustín Fernández Paz.

18/06/2009 GMT 2

Grazas! (2)

egogalego @ 18:40

dscf0956.JPG

Boas, mediocres, malas, nefastas ou moi boas...profesoras hai moitas.

Pero unha mestra, con maiúsculas, ademais dunha moi boa profesora, é a que nos ensina cousas da vida, a que crea persoas.

Non abundan, son poucas, pero o seu recordo acompañaranos con cariño durante toda a nosa vida.

12/06/2009 GMT 2

Texto elaborado polos colectivos relacionados co ensino

egogalego @ 23:16

linguassuman1.jpg

linguassuman2.jpg

As organizacións con presenza no ámbito da educación abaixo asinantes, ante o anuncio da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de realizar unha consulta nos centros educativos en relación co uso do galego, queren transmitir á comunidade educativa a é sociedade galega no seu conxunto as seguintes cuestións:

1. Esta é unha consulta, deseñada á marxe da comunidade educativa, carente de rigor na metodoloxía de distribución e no procesamento de datos, e sen garantías para a intimidade das persoas e a protección de datos de carácter persoal.

2. O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas con representación no Parlamento Galego en 2004 (PP,PSOE, BNG), é un punto de encontro na definición dos obxectivos para o ámbito educativo. O Decreto 124/2007, de 28 de xuño, recolle este acordo co Parlamenteo Galego dándolle carácter normativo e a súa legalidade foi avalada por varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Esta norma pretende garantir unha competencia similar en galego e en castelán.

3. O obxectivo de que ao remate do ensino obrigatorio os nenos e as nenas sexan plenamente competentes nas dúas linguas oficiais non pode conseguirse con menos do 50% das materias impartidas en galego. Coa enquisa que se envía aos centros o mantemento deste equilibrio tan só se garantiría marcando a resposta ''en galego'' ou ''todo en galego''. Esta opción non se refire á totalidade do ensino, senón ás materias que habería que impartir hoxe en galego -o 50%- xa que a enquisa non recolle a opción de que tódas as materias, agás as linguas, poidan ser impartidas en galego.

CIG - CCOO - CSI.CSIF - FETE.UGT - STEG - CAE - ASPG - Nova Escola Galega - Asociación de Directores e Directivos de IES de Galicia - Coordenadora de Equipos de Normalización Lingüística de Ferrolterra - Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística - A Mesa pola Normalización Lingüística

PD: Graciñas, Ana!

11/06/2009 GMT 2

Grazas! (1)

egogalego @ 21:20

Aparentemente, isto non ten moita relación cos temas a tratar. Pero, se nos paramos a pensar, sen tod@s vós, o blogue non existiría.

Estamos a piques de rematar a ESO, de rematar 4º, o curso que, xunto a 1º, máis cousas positivas me aportou dende que estou no centro.

Algúns/has non nos volveremos a ver, outr@s tomaremos camiños completamente distintos e outr@s separarémonos despois de 13 anos, e ante esta situación (e sobre todo, ante a presión popular xD) véxome obrigada a escribir isto:

daab-4e2vh7tf8mqxq40.jpg

Grazas...

A Andrea, por esas clases de francés (iremos a Cuntis, non o dubides)

A Bibi, por aportar a cordura necesaria nos momentos xustos.

A Casal, por esas clases de historia, e, sobre todo, por eses 13 anos...GALÁN!

A Mónica, porque sen ti, as clases de plástica non serían o mesmo.

A Ana, por superar a odisea vivida co vídeo de ética con relativo éxito.

A Fátima, porque si, as clases de francés dan para moito.

A Lore, coma sempre, por esa PACIENCIA que tes...

A Ana María, por ser tan boíña con tod@s.

A Ghradín, polas imitacións, polas clases de inglés, polas risas que botamos, polas briscas, polos bocadillos de pelo e por ser a única persoa capaz de ter 6 folios enriba da mesa nun exame. En definitiva, grazas.

A María, pola tranquilidade que transmites sempre.

A Lidia, por tódalas inesquecibles xornadas coas inecuacións, coa trigonometría, cos radicais, logaritmos e demais.

A Fanny, por estes anos, e polas noitazas de hotel en Roma, especialmente a última.

A Fabián por ser un dos mellores compañeiros que tiven ao longo destes anos.

A Carol, por aportar a frescura necesaria ao grupo.

A Marcos, porque como compañeiro de pupitre non tes prezo.

A Manuel R, por aportarnos risas, risas e máis risas.

A María José, polas tardes filosóficas co traballo de galego.

A Jose Carlos, porque sen ti, as clases de historia non serían o que son.

A Abrahán, polos bos momentos vividos durante estes dous anos (temos pendente un partido de tenis, eh!)

A Mara, tamén, polas clases de francés. Ao final non o pasamos tan mal...

A David, por esas GRANDIOSAS clases de actividades.

A Marga, por tantas cousas...Moitas grazas.

A Clara, por todos estes anos de risas e risas, polas clases de taller :) e por todo o que queda por vir...grazas, ídola!

A Pana, porque ti si que es o puto amo.

A Marcus, por non perder nunca o sorriso.

E por último, a Rita, pola túa xenerosidade, e, sobre todo, por aguantarme/nos. Que paciencia a túa. Grazas

dscf1089.JPG

Por suposto, grazas ao clube de lectura, Normalización Lingüística e ao grupo de Igualdade.

Tamén, grazas ao profesorado, xa que foi unha parte fundamental do noso curso. O que non nos mata...

A algúns/has non @s volveremos a ver, a outr@s verémol@s nos exames de Setembro :( , e outr@s, acompañarannos na nosa aventura no bacharelato.

Moitas grazas...

A Puri, unha persoa fantástica. Moita sorte!

A Pedro, o ídolo da clase.

E aínda que terá a súa entrada no blogue a próxima semana, non podía faltar Ana; resumindo, eres grande, MOI grande. Mil grazas.

Tod@s aportáchedes ese pedaciño fundamental para facer deste un curso tan máxico.

Ata sempre!

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis